Son Juan Carlos Asorey, fotógrafo especializado en arquitectura, interiorismo e paisaxismo. A miña finalidade radica en capturar a elegancia e a esencia única de cada espazo, transformando a visión creativa de arquitectos, construtores, decoradores e interioristas en imaxes cativadoras, entendendo a importancia de transmitir a esencia de cada proxecto.
O meu enfoque vai máis alá dunha simple foto; busco crear unha experiencia visual que resalte os detalles, a luz e a atmosfera de cada ambiente. Contar comigo significa contar cun aliado comprometido en destacar a calidade e a orixinalidade en cada traballo.
Desde proxectos residenciais ata comerciais, estou dispoñible para colaborar con diversos tipos de clientes, desde arquitectos/as, deseñadores/as de interiores, paisaxistas ou axentes inmobiliarios ata profesionais da construción, o turismo, a restauración e, en xeral, con aquelas empresas ou profesionais que valoran a estética da súa imaxe de marca e requiran fotografías que non só conten unha historia, senón que ademais impulsen a súa presenza no mercado.
Algo máis persoal
Nacín en Caracas (Venezuela), aínda que levo en Galicia desde moi cativo. Resido na Estrada, unha vila da provincia de Pontevedra a só trinta quilómetros de Santiago de Compostela .
Son dos que pensa que hai que ser serio e rigoroso no traballo pero tamén que hai que intentar levar a vida cun chisco de humor.
Entre as miñas afeccións destacaría a lectura, a música, a xardinería... E encántanme os animais, sobre todo os cans.
Valoro moito a familia, a propia e tamén a que elixes.
Falo galego (maiormente), castelán e enténdome ben co inglés.
Encántame retratar lugares abandonados ou en ruínas, así como a fotografía de natureza e paisaxe, sexa esta natural ou urbana.
Da serie de abandonos "A casa do cura"
Paisaxe urbana (A Guarda, Pontevedra)
Paisaxe natural (Praia de Lires, Cee, A Coruña)
Pasado e presente na fotografía
A miña relación coa fotografía vén desde neno. Na nosa casa sempre foi habitual ter e facer fotos familiares de todas as épocas. E isto, tendo en conta que non contabamos con teléfonos intelixentes nin cámaras dixitais como na actualidade, creo que ten o seu mérito. A este respecto, dicir que a primeira persoa que fixo que isto fose posible foi meu pai, referente e instrutor para min no mundo da fotografía. El regaloume as miñas dúas primeiras cámaras fotográficas, obviamente, analóxicas.
En calquera caso, non fun consciente por aquel entón de que a fotografía significaba para min moito máis que unha afección. De feito os meus estudos iniciais foron pola rama da electrónica, algo do que xamais cheguei a traballar. Anos máis tarde, empecei a ter claro que o meu futuro pasaba polo mundo da imaxe. Isto levoume a cursar estudos de edición e montaxe de vídeo, de deseño gráfico (especialidade na que son Técnico Auxiliar) e, finalmente, de fotografía, especializándome na fotografía de arquitectura.
Traballei como fotógrafo de prensa durante varios anos, un traballo que me reportou experiencia e bagaxe en diversas especialidades fotográficas. Actualmente tamén colaboro con varias axencias de fotografía de stock como Shutterstock, Getty Images ou Adobe Stock, entre outras.
Meu pai tamén foi un gran apaixonado desta materia e, nun momento da súa vida, non dubidou en formarse e estudar fotografía, o que lle permitiu traballar nun dos laboratorios fotográficos máis importantes de Caracas por aquel entón.